PRÉT Á PORTER
É o novo espectáculo de rúa que iremos artellando para a súa estrea no 2010.
Trátase dun espectáculo de rúa no que o vestiario e os cambios de atrezzo irán marcando o ritmo da acción.
4 actrices e un actor, con cadanseu percheiro cargado de roupa e complementos percorrerán as rúas con un escollido acompañamento musical.
A aparición do percheiro como elemento escénico permítelles acotar escenarios, crear composicións e facer de biombos para os múltiples cambios de vestiario nos que se desenvolverá a acción.
O espectáculo, tomando como base a roupa interior de época, irá facendo un percorrido, década a década da historia do vestiario de principios do século XX ata os anos 50.
Humor, descaro, altas doses de glamour e unha coidada e elegante posta en escena farán de PRÉT Á PORTER un espectáculo coreográfico e de intervención urbana que provocará as risas e miradas de esguello dos viandantes.
A música dixie e as coreografías creadas para a mesma irán marcando este itinerario, no que percorreremos escenas de baño dos anos 20, reviviremos a lei seca, a gran depresión dos anos 30, a II Guerra Mundial e o papel das mulleres na mesma ou a estética do cinema musical.
|
|
|
|